Naufraxios




Nome:  City of Agra 

Tipo: CargaXeral 

Nacionalidade: Inglesa 

Data: 03/02/1897 

Lugar: Illas Lobeiras (Arou) 


AUDIORELATO: AGASALLOS





Maqueta do City of Agra
O City of Agra partira de Liverpool o 29 de xaneiro. Perdera o rumbo a 35 millas de A Coruña por mor dunha densa néboa. O forte temporal fíxoo arribar ata embarrancar nos baixos do Conesudo, partíndose en dous.
A meirande parte da tripulación era hindú e precipitouse ós botes salvavidas no momento da colisión, dificultando o salvamento que estaba a efectuar o capitán , o señor Frame. Unha tal señora Bocker, unha camareira e algúns oficiais, xunto ó terceiro de abordo Mr. Gordon e o maquinista, salvaríanse aferrados a troncos. Outros atoparían a costa a nado, mentres que 32 persoas foron rescatadas polas lanchas de pescadores de Camelle.
Nos días posteriores á traxedia déuselles sepultura a uns 29 corpos do City of Agra.  A algúns dos mariñeiros agasalláronos pola súa valentía no rescate dos tripulantes, estendéndolles o goberno británico un premio que consistía nunha medalla na que se lía: “3 February 1897. For Gallantry and Humanity”.
 A campá dese buque aínda hoxe segue a repenicar na igrexa do Espírito Santo de Camelle, doada posteriormente do naufraxio pola Compañía Barbeito de Salvamento marítimo.
O City of Agra era un buque de moderna construción, dunhas 4000 toneladas, cunha tripulación de 71 homes e varios pasaxeiros, entre eles, Mr. Jamrach, fillo do célebre tratante de bestas para o circo de Londres,que ía a India na procura de animais,e Mr. Dun, que fora contratado desde o país asiático para facerse cargo no decurso de 8 anos dunha plantación de té.