Naufraxios


Singraduras



Os naufraxios forman parte da historia e do imaxinario da Costa da Morte, zona do noroeste galego que ademais de ser xeodestino turístico, conta coa protección da Rede Natura “Costa da Morte”   polos seus valores medio ambientais e os seus ecosistemas valiosos e singulares.

Camariñas ten un lugar central na historia da Costa da Morte e especialmente na historia dos naufraxios. Así o testemuña o faro Vilán- referente na historia da navegación ademais de ser o primeiro en empregar a luz eléctrica de España- e os mais de medio centenar acontecidos na costa deste concello.

Coa cofinanciación da Deputación de A Coruña o Concello de Camariñas realiza esta ruta cultural que emprega as novas tecnoloxías e a realidade aumentada para sinalizar e dotar de contidos algúns dos puntos de maior sinistrabilidade na navegación.

Os que visiten a nosa costa encontrarán  fitos de referencia que achegan algunhas das historias nas que se funden os feitos históricos coas lendas do noso territorio.  A solidariedade e o pillaxe son elementos que se mesturan nestes naufraxios e que son difíciles de separar. Como a néboa, a borraxeira ou a tempestade todas estas historias humanas quedan envoltas nun halo de misterio.

Nada mellor que o imaxinario e o conto para resumir de forma amena gran parte dos referentes históricos sobre estes naufraxios. Por elo esta ruta ofrece varios recursos para ser empregado por visitantes ou persoas interesadas:

- Realidade Aumentada. Ferramenta para descargar  información, audios e datos, desde dispositivos móbiles in situ. Permite visualizar no dispositivo móbil a realidade e superpoñer unha capa con elementos dixitais que ofrece información sobre os naufraxios. Para facilitar a descarga de datos e evitar as zonas cegas ofrecese referenciado os puntos GPS de maior cobertura.

- Blog “Ruta dos naufraxios”. Coa información sobre cada un dos fitos, audios e outra información que facilita a visita a Camariñas, incluída a referencia de localización por GPS de puntos de maior cobertura.

Esperamos que ademais de incentivar as visitas a esta costa de lenda, esta ruta sexa un punto de referencia e de motivación para que se sigan descubrindo e relatando eses naufraxios que afectaron as vidas humanas e á historia da navegación; que enlazaron culturas, mitos, lendas, vidas humanas e contextos sociopolíticos e económicos ben dispares.


Manuel V. Alonso de León.

Alcalde de Camariñas (A Coruña)




Ver Ruta dos naufraxios en un mapa más grande